Monday 16 de September de 2024

O Concello retoma as bolsas para estadías dun mes no estranxeiro para aprender idiomas e de tres meses para prácticas de Formación Profesional


O Goberno municipal ofertará 14 bolsas do proxecto Acoreuropa, destinado ao alumnado de FP da cidade

O Concello reactiva o programa Idiomas do Mundo tras a pausa da pandemia para facilitar a 60 estudantes coruñeses e coruñesas a aprendizaxe de linguas en varios países de Europa

A Concellaría de Educación estende a Canadá o programa de bolsas en Estados Unidos

O Concello da Coruña retoma este ano os programas educativos internacionais cancelados durante o primeiro semestre do 2020 por razóns de prevención sanitaria, en base á incerteza xerada durante o desenvolvemento das primeiras vagas da pandemia da Covid-19.

Desta forma, a Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego que dirixe Jesús Celemín prevé publicar durante este mes de febreiro as bases definitivas e a convocatoria das Bolsas Europa FP-Proxecto Acoreuropa, incluídas no programa Erasmus+ e orientadas a promover a aprendizaxe de alumnas e alumnos coruñeses de Formación Profesional que concluísen os seus estudos en ciclos medios ou superiores. O Concello ofrecerá aos beneficiarios a oportunidade de completar a súa formación en Europa, así como mellorar o coñecemento de idiomas e culturas doutros países.

Serán 14 as bolsas dispoñibles nesta edición do programa Europa FP-Proxecto Acoreuropa para a realización de prácticas formativas de tres meses, entre setembro e decembro deste ano, en empresas de sete países do continente: Austria, Francia, Italia, Irlanda, Malta, Portugal e a República Checa. Cada bolsa contempla unha dotación de 1.500 euros, ademais dos gastos de desprazamento desde A Coruña ata o país de destino; o aloxamento no país de destino; e, ademais, un seguro de asistencia sanitaria e de responsabilidade civil.

A previsión do Concello da Coruña é que, entre marzo e xuño, se execute o proceso de selección e a emisión das listaxes provisionais e definitivas de beneficiarios e beneficiarias, realizado polo consorcio que integran os CIFP Ánxel Casal, Paseo das Pontes e Someso; os IES A Sardiñeira, Escola de Imaxe e Son, Eusebio da Guarda, Fernando Wirtz, Ramón Menéndez Pidal e Urbano Lugrís; así como a Deputación da Coruña, a Asociación de Jóvenes Empresarias y Empresarios de la provincia de A Coruña (AJE Coruña) e a Asociación de Emprendedores de Galicia (Ascega).

Desde a posta en marcha do programa, no curso 2012/13, un total de 191 estudantes coruñeses participaron nesta iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Unión Europea.

Unha nova edición do programa Idiomas do Mundo, con 60 prazas
En paralelo, o Concello reactiva tamén este ano o programa educativo Idiomas do Mundo, dirixido ao alumnado de primeiro curso de Bacharelato, residentes na Coruña, ao que se lles ofrecerá a oportunidade de realizar unha actividade de inmersión lingüística durante este verán para o estudo do inglés, francés, portugués e alemán, co obxectivo de mellorar as súas competencias lingüísticas e poder acreditar, de modo oficial, o nivel acadado conforme o Marco Común Europeo de Referencia para las Lenguas (MCERL).

O programa, posto en marcha no curso 2015/16, e do que foron beneficiarios un total de 232 mozas e mozos coruñeses desde entón, ofertará 60 prazas xa este verán, con catro semanas de duración para os beneficiarios en Irlanda, Francia, Portugal, Alemaña ou Austria.

Haberá dous tipos de bolsas: unha de carácter total (serán beneficiarias as persoas seleccionadas que non superen os 9.000 euros anuais de renta per cápita); e, por outra banda, a de carácter parcial (serán beneficiarias as persoas seleccionadas que superen os 9.000 euros anuais de renta per cápita, e as familias asumirán un mínimo dun 5 % e un máximo dun 95 % do custo total da praza, co importe final calculado en función da súa renda).

O programa ofrece servizos como a estadía do beneficiario no país de destino durante o período correspondente, vivindo en familia en réxime de pensión completa; a viaxe e desprazamentos de ida e vollta desde A Coruña ata o destino asignado a cada participante; as clases intensivas do idioma correspondiente no país de destino; e, ademais, as actividades culturais e lúdicas (un mínimo de dúas semanais).

Bolsas Canadá-USA
Por outra banda, e debido ás dificultades xurdidas este ano por mor da pandemia, o Concello decidiu ampliar e modificar as bases do programa de bolsas de estudos en Estados Unidos para estender a iniciativa a Canadá, onde os e as estudantes coruñeses pasarán igualmente un curso completo nas cidades anglófonas do país norteamericano.

A sensible redución do número de visados de estudos por parte das autoridades estadounidenses e as dificultades para acceder a prazas de ensino nese país, aconsellou ampliar este ano a Canadá a experiencia das Bolsas USA para garantir unha oferta axeitada de prazas. Ambos países comparten valores e sistemas educativos moi semellantes, sendo Canadá un país onde son habituais tamén as estadías de estudos con resultados moi satisfactorios, polo que a intención do Goberno municipal é contar tamén con Canadá en futuras edicións. Nos vindeiros días o Concello sacará a concurso o programa de bolsas coas novas bases ampliadas ao mercado canadiense.